Saturday 04 de May de 2024

A Xunta de Galicia presenta as vacacións de verán do programa Special Olympics, que ofrecerá máis de 150 prazas para persoas con discapacidade intelectual


― Un total de 60 monitores serán os encargados de atender e acompañar aos participantes nas diferentes estancias

― Este ano se levarán a cabo 13 quendas de 7 días cada unha nas localidades de Pontevedra, Vilanova de Arousa e Arcade

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou hoxe na presentación das vacacións de verán do programa de Special Olympics, unha asociación que fomenta o lecer e o deporte para persoas con discapacidade. Este ano a iniciativa ofrecerá 160 prazas para persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. O obxectivo da proposta é contribuír á participación, á convivencia e ao desfrute en sociedade destas persoas, á vez que fomentar as súas aptitudes.

Fernando González Abeijón salientou a necesidade e o valor que estas propostas representan para as persoas que teñen algún tipo de discapacidade, xa que lles axuda a mellorar a súa calidade de vida e tamén a das súas familias. Ademais, destacou o esforzo diario das institucións que poñen en marcha estas iniciativas para aumenta a autoestima deste colectivo a través do impulso do deporte, o ocio e a cultura.

Este ano as vacacións se están a levar a cabo entre finais do mes de xuño ata finais de agosto e estarán divididas en 13 quendas cunha duración de sete días cada unha. A actividade estará repartida entre a Residencia de Afundación en Pontevedra, o Colexio Santiago Apóstol en Arcade e Dinajam e Hotel Leal en Vilanova de Arousa. Durante a estancia dos participantes haberá 60 monitores encargados de acompañar e atender aos usuarios para garantir a máxima calidade de atención.